Castellano | English | Français
Susana Seivane Susana Seivane
Ir a tienda
Inicio > Biografía
Compartir:

Biografía

Susana Seivane

Naceu en Barcelona no ano 1976, é a herdeira da familia Seivane, unha das familias con máis prestixio e sona dentro do mundo dos gaiteiros e artesáns de gaitas en Galicia.

Comenzou a súa andaina musical ó cumprir tres anos de idade. Da man do seu pai Álvaro Seivane e influenciada por mestres gaiteiros como o seu avó, Xosé Manuel Seivane, Ricardo Portela e Moxenas, conseguíu o respecto e admiración do mundo da gaita e da música tradicional en Galicia. Un estilo xenuíno que está presente na forma de tocar de Susana, pois ela sabe sintetiza-lo estilo "enxebre" dos antergos gaiteiros. Mais ela tamén é quen de crear un estilo propio, abrindo este valioso legado a influencias doutras músicas; para isto rodéase dun elenco de músicos moi novos que aportan frescura e orixinalidade ó seu espectáculo.

En 1999 edita o seu primeiro disco "Susana Seivane", producido por Rodrigo Romaní, un dos membros fundadores de Milladoiro. Este traballo baseado en temas tradicionais e composicións de artistas galegos, lévaa polos mellores escenarios de Folk Nacional e Internacional, acadando grandes éxitos e loables críticas. O seu primeiro disco edítase en Europa, E.E.U.U. e Canadá.

Co seu segundo traballo "Alma de Buxo" producido por ela mesma, baixo o asesoramento artístico de Rodrigo Romaní, consolídase como artista galega de referencia no panorama Folk. Neste colaboran artistas da importancia de Uxía Senlle, Kepa Junquera ou Rodrigo Romaní entroutros. Merece especial mención a colaboración do seu avó Xosé Manuel Seivane. Como novidade, neste traballo introduce instrumentos como a batería ou o baixo eléctrico e enriquece o disco con composicións propias.

No ano 2001 resultou unha das cinco finalistas dos Indie Awards, os prestixiosos premios que cada ano outorga a Asociación de Música Independente de E.E.U.U. (AFIM), na categoría de mellor artista de Músicas Contemporáneas do Mundo.

Mares de Tempo. Con este suxerente título ve a luz o terceiro traballo de Susana Seivane, nunha traxectoria imparable que a está a levar polos mellores escearios tanto do territorio nacional como internacional (Escocia, Alemania, Francia, Italia, Estados Unidos, Arxentina, etc.).

Sen abandoar a tradición e as raíces da música galega -ó igual que nos seus anteriores discos-, Susana quixo dar un importante paso con "Mares de tempo". A innovación dos arranxos máis o coidados na selección dos temas –doce máis un agochado- é un proxecto para o que Susana quixo rodearse dos músicos da súa banda que a levaban acompañando nos últimos anos, ademais de contar coa colaboración de recoñecidos intérpretes como Roberto Somoza (saxos), Quique Alvarado (baixo), Carlos Castro (percusións), Xavier Cedrón (violín), Xavier Gatañaduy (guitarras), Viascón (serra e trompeta), Xavier Paxariño (frautas), Guadi Galego (cantante e instrumentista de Berrogüetto), e o colectivo de Música Tradicional Ruote de A Coruña, sen esquencernos de quen está a ser un apoio de luxo na carreira de Susana e que tamén, con menos "tempo que mares", colabora coa sua arpa e o seu talento de compositor, Rodrigo Romaní.

Pero o máis sorprendente deste novo traballo é, sen dúbida, a introducción do instrumento musical por excelencia. Susana Seivane, sen deixar de ser o que é ante todo, gaiteira, agasalla ó público esta vez co son da súa voz, unha voz que xa deixou o seu eco no estudo Casa de Tolos de Gondomar (Pontevedra) –o cuartel xeral do ex Siniestro Total Segundo Grandio.

"Mares de tempo", título extraído da obra "Longa noite de pedra", do poeta Celso Emilio Ferreiro, é para Susana Seivane unha reflexión sobre o paso do tempo, e a súa pérdida en cousas banais… "Mares de tempo" é Susana Seivane, un disco de cabeceira para os amantes da boa música.


"Os soños que volven", dez anos despois da publicación do seu primeiro traballo discográfico en solitario, no ano 2009, vía a luz "Os soños que volven". Quería que “volvesen” ós días de hoxe, parte daquelas melodías que a acompañaron no seu camiño. "Os soños que volven" son as melodías da súa infancia, é a Banda Sonora da súa vida.

No 2015 publica o DVD “Susana Seivane e amigos”(Enavies), que recolle un impresionante concerto en vivo, ofrecido nas Festas de María Pita na Coruña, no 2012. Un apaixoante directo nun completísimo DVD con 16 pezas maxistralmente interpretadas por Susana Seivane e a súa banda habitual: Brais Maceiras, Carlos Freire, Carlos Gándara, Iago Rodríguez e Xurxo Iglesias; e os seus impresionantes convidados: Rodrigo Romaní, Anxo Pintos, Pedro Lamas, José Rodríguez e José Somoza, Antón Davila, Harry Price e Xoel López. Ademáis da colaboración especial de “Os Seivane” no que destaca o pequeño Brais de tan só 4 anos de idade. Unha actuación espectacular nun marco excepcional.

Neste ano lanza tamén o seu single “Esperando a Fiz”, un adianto do seu próximo disco.

O 14 de setembro de 2018 lanza o seu quinto álbum, “FA” (Fiz e Antón), que recolle os sentimentos do embarazo e a maternidade. Posiblemente, o disco máis intimista da gaiteira, é romántico, inspirador e tenro. Unha profunda introspección no campo da maternidade, os convencionalismos, a familia e a plenitude personal.

En 2020, publica “Dende o meu balcón” un disco artellado no confinamento pola COVID, que supón unha volta á orixe. Recopilatorio musical do mellor repertorio tradicional galego que todo gaiteiro debe coñecer. O CD inclúe 55 temas agrupados en 20 suites para os que Seivane sumou a complexidade de empregar 8 gaitas en diferentes tonalidades.

En 2023, lanza “SETE” o seu séptimo álbum, onde volve máis forte que nunca, cun enfoque sonoro vibrante, poderoso e contemporáneo.


info@susanaseivane.com

© 2024 Susana Seivane.