Castellano | English | Français
Susana Seivane Susana Seivane
Ir a tienda
Compartir:

FA

2018 SUSANA SEIVANE

FA é o novo traballo de Susana Seivane tras oito anos de silencio discográfico, un longo período que lle serviu de inspiración para a composición do seu quinto álbum. FA (Fiz e Antón) é unha profunda introspección no eido da maternidade, os convencionalismos, a familia e a plenitude persoal.

Sen perder a súa esencia definitoria, Susana explora novos ritmos imprimindo modernidade na tradición e erixíndose como unha das máis virtuosas gaiteiras de todos os tempos.

Con temáticas universais como o amor superlativo, o medo, a inseguridade ou a felicidade absoluta, Seivane constrúe unha paisaxe sonora sen esquecer as súas raíces dotándoa de novos matices froito da súa madurez como compositora e instrumentista.

FA está composto por 12 temas dos cales destaca o seu primeiro extracto "Papá Pum Pum" un canto á alegría vital e á supremacía dos pequenos momentos; é o exemplo perfecto do espíritu de FA o disco máis persoal ata hoxe de Susana Seivane.

Listaxe de cancións

Marnela

Benvidos e benvidas á miña vida, ás miñas emocións máis profundas e ás miñas paixóns máis íntimas. Íspome sentimentalmente cunha historia vital musicalizada que vos quero contar neste disco tan especial para min.

Era unha vez…
Alá polo ano 2011, Xesús mais eu, decidimos ser papás, estabamos moi contentos e ilusionados por formar a nosa familia. A boa nova chegou no medio dunha xira internacional e tamén nunha época na que compartín moitas vivencias con tres mulleres libres, loitadoras e valentes nas súas vidas. Din que quen ten un amigo, ten un tesouro, e eu síntome afortunada de ter varias desas fortunas. Para elas tres fixen este tema, MARta, VaNE e LoLA. E falando de tesouros, aquí están os que me acompañaron neste tema:

Gaita en Sol (con ronco en Dó 2): David Bellas
Gaitas en Dó: Cristian Silva, Lorena Freijeiro e Magoia Bodega
Arranxo: Pedro Lamas
Composición e Gaita en Dó: Susana Seivane

Momentos

No ano 2013 naceu o noso primeiro fillo, Fiz Seivane Ferreiro, e no 2015 veu o noso segundo, Antón Seivane Ferreiro. Xuntámonos con dous fillos pequenos que nos encheron a vida de amor profundo.
Seguro que a moitas mamás lles pasou o que a min nos seus embarazos. Non vivín demasiado esas xestacións idílicas das que nos falan, e que é certo que algunhas mulleres viven e eu fíxeno por momentos. No meu caso foi unha revolución de hormonas bastante importante, vivín arrebatos de incerteza, medo, alegría, euforia e preocupación. Como dicía eu: “teño as hormonas de foliada todo o día”. Con estas inquedanzas miñas, psicolóxicas e físicas, compuxen no piano este tema. Os padróns aprendidos, o sistema, a vida e as nosas propias inseguridades, presionannos, aínda que sexa inconscientemente, de que vas ter que ser unha mamá perfecta para ser a mellor de todas, e iso non é certo. Non existe a mamá ou o papá perfectos, serás a mellor mamá que poidas ser e serás a perfecta para o universo dos teus fillos.
E no meu universo sempre estivo o meu anxo da garda, Rodrigo Romaní, que coa súa arpa e as súas palabras encheu de maxia moitos momentos importantes para min.

Violíns: Javier Cedrón e Harry Price
Arpa e arranxo: Rodrigo Romaní
Acordeón diatónico: Brais Maceiras
Composición, arranxo, Gaitas en Dó 4 e Dó 5: Susana Seivane

Iná

Cando estaba embarazada de Fiz, Brais, fillo da miña irmá Saínza, o meu afillado e un fillo máis para min, tiña catro aniños. Sempre tivemos moitísima conexión e complicidade musical e sentimental. Estes dous temas unidos compúxenllos co acordeón diatónico, lembrando todos os fermosos momentos que temos pasado xuntos, todas as nosas risas e falcatruadas. Foi o primeiro neto, o primeiro sobriño, foi tan sumamente especial e esperada a súa chegada e, sobre todo, vivir coa miña irmá o seu embarazo día a día. Antes de saber dicir madriña, Brais chamábame “Iná”.

Frautín: Adrián Silva
Clarinete: Marcos Represas
Tuba: Miguel Rodríguez Barrio
Tamboril, pratos, triángulo e campaíñas de Fiz: Carlos Freire
Saxo: Miguel González
Arranxo: Pedro Lamas
Composición, Gaita en Dó, acordeón diatónico, bombo e campaíñas de Fiz: Susana Seivane


Sabendo miradas

E chegaron os dous días máis grandes da miña vida, eses polos que levaba tanto tempo agardando tanto nun embarazo como no outro. Os embarazos fixéronseme moi longos, son moi impaciente e ter que esperar nove meses por cada un deles, supúxome tempo de máis. Esta foi a primeira lección de vida que me deron os meus fillos, primeiro Fiz, e despois Antón, e fixérono aínda antes de nacer: que hai que saber esperar polas cousas, que vivir e gozar do momento (que tamén o fixen) é o máis importante e que todo chega sempre. As miñas “horas” para coñecelos por fin, non foron nin curtas nin indoloras como todo o mundo che desexa. Dende que comecei coas pequenas contraccións ata que naceu Fiz, pasaron trinta e seis horas. Os dous partos foron bastante parecidos, a diferenza foi que Antón estaba moi cómodo dentro e houbo que axudalo a saír provocándome o parto, co que foi un pouco máis curto pero moito máis doloroso. Moitas horas, si, moita dor ata que puideron poñerme a epidural e fun quen, daquela, de relaxarme despois de tantas horas de sufrimento. Xesús non puido estar no xusto momento do nacemento de Fiz porque os profesionais marabillosos do Hospital Teresa Herrera da Coruña, que estiveron comigo, tiveron que axudarse de aparatoloxía para favorecer o expulsivo. Si puido estar comigo no caso de Antón e foi algo que ningún dos dous esqueceremos nunca. Tampouco esqueceremos ao equipo que tivemos e a nosa matrona, Sonia, ser especial e maravilloso que fixo que ese momento fora aínda máis máxico se cabe. Grazas infinitas.
Con esta peza quixen representar todas esas fases e emocións. A obra pasa por partes diferenciais que tratan de reproducir cada momento específico: no caso de Fiz, cando estou tranquila na casa, fisicamente xa moi incómoda pero cunha ilusión desbordante porque sei que o momento está preto; cando xa me chega ben de dor porque as contraccións son bastante intensas (levábaas ben anotadiñas nun caderno cos tempos e esa lista rematou cuns borróns inintelixibles); cando Xesús me leva ao hospital; cando paso moitas horas con contraccións moi fortes e seguidas que me fan case enlouquecer e cando a “hora” en si chega. E no caso de Antón, sen tantas dores previas porque tivemos que esperar á data programada para provocar o parto e a partir de aí foi todo igual pero moito máis intenso. Tratei de plasmar o momento xusto do parto, coas miñas dores, coas miñas emocións, ese máxico e gran momento que me invadiu completamente porque por fin chegara o momento de coñecernos, de “sabernos as miradas”. Foi o máis puro, paixonal e tenro que me pasara na vida, non parecía ser certo. Estaba rota de dor, pero tamén rota de amor, e sabía que esa unión de almas xa sería para toda a vida. Namoreime profundamente dos meus nenos no mesmo instante en que me miraron, e cando xa os tiven nos meus brazos, no meu peito, coñecéndonos, sentíndonos e acariñándonos, notei dende o máis profundo do meu ser que eles estarían para sempre na miña alma e no meu corazón.

Latexo en xestación: Fiz Seivane Ferreiro
Choro ao nacer: Antón Seivane Ferreiro
Teclados: José Antonio Vilas
Batería: Carlos Freire
Baixo e arranxo: Iago Rodríguez
Saxo: Miguel González
Guitarras acústica e eléctrica:
Rubén Deschamps
Composición, arranxo, Gaita en Dó, voces e pandeiretas: Susana Seivane

Durmíndote

Foi a primeira nana que lle fixen a Fiz, murmuráballa ao oído para durmilo, abrazadiños; emocións e situacións tan especiais que chegaban a sobrecollerme…

Violín: Javier Cedrón
Acordeón diatónico: Brais Maceiras
Baixo e arranxo: Iago Rodríguez
Guitarra acústica: Rubén Deschamps
Bouzouki e arranxo: Xurxo Iglesias
Composición, arranxo e Gaita en Dó: Susana Seivane



O primeiro baile

A primeira peza que bailamos xuntos Fiz mais eu, ben, é un falar, bailábaa eu con el no colo. É un bolero que lle compuxen, témolo bailado tantas veces! Gustáballe moito o ritmo, quedaba durmidiño e moi relaxado. Para este tema tiven a sorte de contar con SonDeSeu. Xa tiña colaborado con eles nalgunha ocasión e tiña moitas gañas de que eles o fixeran comigo, amigos cheos de talento aos que lles profeso moita admiración. É a primeira orquestra galega de música folk e tradicional en Galicia e unha das primeiras en Europa. Os seus sesenta compoñentes, dirixidos por Rodrigo Romaní, fan que nunca me canse de escoitar e gozar da maxia que crean entre todos.

Orquestra SonDeSeu
Arranxo orquestral: Rodrigo Romaní
Composición e Gaita en Dó: Susana Seivane

Al compás de los olivos

A maternidade fíxome reflexionar sobre moitas cousas, unha delas, meus pais. Agora compréndoos mellor e entendo moitas cousas que ata entón non facía, porque claro, eles senten por min o mesmo que eu polos meus fillos, pero cando era nova non os entendía. Meus pais cóntanme que viven doutra maneira a súa paternidade dende que son avós, entenden tamén os fallos que puideron ter e pensan que agora actuarían doutra maneira.
Cando estaba na “doce espera”, lembrábame moito tamén da miña infancia e pensaba nas miñas raíces. Xa sabedes o fachendosa que estou da miña familia paterna, coñecedes moito deles e tamén teño unha familia materna marabillosa á que non coñecedes tanto. Eles son de Sorihuela del Guadalimar, Xaén. Meus avós, Antonia de la Paz Olivas e Bernardo Hoyo Villajos, emigraron cos seus fillos no 1968 a Barcelona.
Meu pai, Álvaro, cando era mozo foi rematar a súa carreira á Cidade Condal onde coñeceu a miña nai, Beni. Casaron e comezaron a súa vida alí, aínda que na cabeza de meu pai sempre estaba volver a Galicia. Nacemos miña irmá, Saínza, oito anos menor ca min, máis eu. Aos meus dez anos trasladámonos a Cambre, A Coruña. Pero volvendo a Barcelona, meus pais traballaban e os meus avós maternos coidaban de min cando era pequena. Recordo perfectamente os seus olores, ulían a refuxio, a tranquilidade, a fogar, a amor. Foi moi dura a miña separación deles cando nos viñemos vivir a Galicia, mais fun consciente hai, relativamente, pouco tempo.
Na casa dos meus avós sempre se escoitaba moita copla e músicas do sur. Eles animábanme a tocar esas cancións coa miña gaita, a fusión era tremenda! Apetecíame moito neste disco afondar nesas tamén miñas raíces cun tema que me retratara cos meus sangues andaluz e galego porque, grazas a esa liñaxe, hoxe tamén son o que son. E por iso, para facerlles esta homenaxe aos Hoyo de la Paz, cos que me criei, curmás, tíos, avós que tanto quero, compuxen este tema co acordeón diatónico e, para esta ocasión, tiven a sorte de contar coa sabedoría e bo facer de Marcos Teira, estudoso do flamenco e admirado por min dende hai moitos anos. Que pracer traballar con el e compartir charlas interesantísimas sobre a vida!

Arranxo, produción, guitarra e tres: Marcos Teira
Zapateado, palmas e jaleos: Isaías Salazar
Palmas e jaleos: Marcos Portela
Caixón, palmas e jaleos: Moisés Fernández
Composición, acordeón diatónico, Gaita en Dó, pandeiretas e jaleos:
Susana Seivane


A nana dos bicos

Nunca me canso de bicar os meus meniños, aproveito para cheiralos, que é unha das mellores terapias do mundo, a aromaterapia, para quen temos algo especial cos olores das persoas ou das cousas. Esta nana compúxenlla a Fiz, durmino tantas veces con ela! E cando comezaba a falar cantabámola xuntos e seguimos! Agora os dous cantámoslla ao seu irmán Antón. Encántalles e reláxaos moito. Xesús prefire cantarlles para durmilos “O miudiño”, faino dende que naceu Fiz, é algo que nunca entendín moi ben, chamádeme rara.
Antón naceu cando Fiz tiña dous anos e catro meses. Tres meses antes fíxoo tamén a miña afillada Maren, a miña doce Maren. Saínza e mais eu vivimos os nosos segundos embarazos xuntas e foi moi especial.
Seguindo coa historia desta nana, todos os nenos da familia e de amigos a cantan, ten unha letra moi sinxeliña, para oídos e entenderes dos nenos. Que xeito de caer nos brazos de Morfeo pode ser máis relaxante e fermoso que con música e bicos?

Steel guitar: Álvaro Lamas
Guitarras acústica e eléctrica: Rubén Deschamps
Arranxo: Iago Rodríguez
Composición, arranxo, letra e voz: Susana Seivane

Letra
Meu neniño, tan bonitiño e agora ten moito soniño,
e mamá mímao, e mamá bícao.
E durmirá moi ben, descansará xenial
e soñará cousiñas bonitas e xa mañá será outro día.
(bis)

Souris à la vie

Andamos sempre preocupados por moitas cousas, ben é certo que nos tocou vivir unha parte da Historia difícil en moitos aspectos: guerras por todos lados que nunca rematan, xente sufrindo polo mundo só por intereses dos poderosos, políticos corruptos, crise, recortes no indispensable… Temos unha boa recua de cousas negativas das que estamos rodeados todos os días, pero, en realidade, o único que podemos facer é o que está nas nosas mans, o demais é imposible e frustraranos porque non atoparemos a solución, non está en nós. É como se trataramos de mover unha rocha dunha tonelada. É imposible, non está nas nosas mans. O que si está é axudar no que poidamos para ter e deixar un mundo mellor, inculcarlles aos nosos fillos bos valores que lles axuden a ser boas persoas e sorrirlle á vida, valorar as cousas boas que nos brinda, que son moitas e non nos decatamos da maioría porque estamos aí, dálle que dálle, tentando mover a rocha imposible. Non é doado pero
tampouco imposible.
Os meus fillos son o meu motor e grazas a eles chego a esta e a unha infinidade de reflexións e conclusións. Este tema naceu deste tipo de conversas, bastante recorrentes, co seu compositor, Iago Rodríguez, e con ese fin cheo de positivismo arranxamos este tema que invita a sorrirlle á vida, a bailala, cantala e gozar dela, porque así todo se asume mellor. Fixémolo en francés porque Francia é un país no que tamén me sinto moi querida, damos moitos concertos ao ano alí, e, ademais, como din que os nenos veñen de París…

Saxo tenor e barítono: Gueorgui Oganesian
Violíns: Javier Cedrón e Harry Price
Batería: José “Niño” Bruno
Baixo: Víctor Gacio
Palmas e coros: Carlos Freire
Composición, arranxo, letra, palmas e coros: Iago Rodríguez
Saxo alto, soprano, palmas e coros: Miguel González
Guitarras eléctricas, palmas e coros: Rubén Deschamps
Arranxo, letra, Gaita en Dó, voz, palmas e pandeireta: Susana Seivane

Letra
Voici Susana avec sa cornemuse,
voici Susana pour vous faire danser,
enlacez vos partenaires, préparez vos pieds,
souris à la vie! souris à la vie!
(bis)
Je suis Susana avec ma cornemuse,
voici Susana pour vous faire danser,
heureuse d’être ici, d’être avec vous,
souris à la vie! Souris à la vie!

Sentirte, amarte

Esta nana compúxenlla a Antón, cantándolla ao oído, abrazándoo, sentíndoo e amándoo profundamente, parándose o mundo para nós. Cando aínda tes un só fillo, pensas que non pode haber amor que soprepase ese que sentes por el, só tes que esperar a que naza o teu segundo fillo para sentir que iso non é así, adóralo tanto como ao primeiro.

Composición, arranxo, Gaita en Dó e ronco en Do 2: Susana Seivane

Papá pum pum

Cando Fiz xa sabía falar un pouquiño, a súa maneira de pedirme que lle puxera o seu pai boxeando na internet era:
- “Mamá, pon papá pum pum!”
Iago Rodríguez, “Babo”, compuxo este tema para Fiz e tamén para o seu papá Xesús Ferreiro “Cachorro”, tricampeón de España en boxeo profesional. Con el formei esta familia e un fogar. Dende que nos coñecemos, converteuse no meu compañeiro de vida e sempre estivo comigo nas boas e nas non tan boas, sempre aí, sempre ao meu lado. É algo rosmón pero hai que querelo así. Imos aprendendo xuntos moitas cousas e con el coñecín o máis bonito e importante da vida.
Estefanía Ramos, “Tani”, que é unha irmá para min e unha tía máis para Fiz e Antón, puxo o seu graíño de area coa letra e ten posto moitos na miña vida.
“Papá pum pum” fala de como é Fiz, un neno simpático, agarimoso, enxeñoso pero tamén con xenio e teimudo. Cun bonito e gran mundo interior, relata o que lle gusta facer no seu día a día, sen prexuízos de ningún tipo, penso que reflicte moi ben toda a súa esencia; un ser especial e auténtico, puro. Gústanlle moito os superheroes. Iago, Fani e nós chamámoslle agarimosamente “Cuchi” e o noso superheroe preferido é, sen dúbida, Supercuchiman!

Coros: Fiz Seivane Ferreiro
Violín: Javier Cedrón
Saxo tenor: Gueorgui Organesian
Saxo alto: Miguel González
Composición e letra: Iago Rodríguez
Guitarra acústica: Rubén Deschamps
Batería:
José “Niño” Bruno
Letra: Estefanía Ramos
Guitarras eléctricas, produción musical e programacións: Iago Lorenzo
Arranxo, letra, Gaita en Sib, voz e pandeiretas: Susana Seivane

Letra
Salta, baila, canta, carreiriña e xa non para,
ri e toca e corre. Sópralle e xa está, non pasa nada,
Cácoles sempre acompaña para facer o ben.

Retrouso:
Mamá, pon papá pum pum,
mamá, pon papá pum pum, pum pum
mamá, pon papá pum pum
Supercuchiman!
---

Fala e namora sempre, alegría de vivir,
non se apea, é teimudo!
Xunta as mans para durmir
e pensa cousas bonitas para soñar feliz.

Retrouso

Pinta, cociña e xoga, con inventos na cabeza,
ama, berra e conta, bica, abraza e pelexa.
Pon os guantes, dálle ao saco, sempre forte, nunca abaixo,
frega os pratos, varre a casa, sempre con traballo!

Retrouso

Antón revolución

E vai rematando esta bonita historia. Coa chegada de Antón a nosa casa converteuse nunha revolución, literalmente. É un ser cunha luz e unha personalidade abafadora; simpático, divertido, teatreiro, enxeñoso e con moito, moito xenio. Veu poñernos a nosa vida totalmente do revés co seu carácter fascinante.
Cando “Babo” chegaba de visita alucinaba polo caos que sempre había e compuxo este tema para Antón que plasma moi ben o neno rebuldeiro que é e tamén o que vivíamos todos nós . Eu seguía tola de amor e ademais agora por partida dobre, pero tola dos nervios tamén e é que non é nada fácil ser mamá hoxe en día, onde os papás temos moitas dificultades para conciliar vida laboral e familiar. Sempre facendo malabares para todo! É dicir, que coa chegada de Antón, as nosas vidas se converteron nunha auténtica revolución, iso si, a revolución máis apaixonante, pracenteira, encantadora e alegre que xamais puiden imaxinar xunto con tres seres adorables dos que estarei eternamente namorada e coa unión máis forte que existe e move o mundo, o profundo amor.
Xesús, Fiz e Antón.

Steel guitar: Álvaro Lamas
Guitarra eléctrica, acústica e banjo: Cabe García
Violín: Javier Cedrón
Baixo: Víctor Gacio
Batería: José “Niño” Bruno
Guitarra acústica e mandolina: Rubén Deschamps
Composición: Iago Rodríguez
Arranxo e Gaita en Dó: Susana Seivane

© 2024 Susana Seivane.